Saturday 11 de May de 2024

Aprazado o concerto de Rubén Blades por mor dunha indisposición de saúde do artista


O cantante panameño padeceu unha afección nas cordas vocais durante os ensaios da súa actuación no ciclo Coruña Sounds

O concerto celebrarase o 28 de agosto no auditorio de Santa Margarida

O Concello da Coruña informa que o concerto de Rubén Blades & Roberto Delgado Big Band, correspondente á segunda xornada do ciclo de actuacións Coruña Sounds previsto para hoxe, queda aprazado por razóns de saúde do artista. O recital debía celebrarse este xoves, 20 de xullo, a partir das 22.00 horas no Porto.

O cantante panameño padeceu unha afección nas cordas vocais durante os ensaios previos á actuación. Pese aos intentos de Rubén Blades e o seu equipo por levar a cabo o concerto, finalmente decidiuse que o mellor para garantir a súa saúde e a calidade do espectáculo era aprazalo.

O Concello da Coruña e o artista queren trasladar as súas desculpas ás persoas que se poidan ver afectadas por esta situación. A nova data de celebración deste recital será o 28 de agosto no auditorio de Santa Margarida. As entradas adquiridas para a actuación de hoxe serán válidas para a nova data.

Aquelas persoas que non poidan o queiran asistir á nova data, poderán pedir a devolución do importe das entradas a través da mesma canle pola que as adquiriu. Se foron mercadas en Ataquilla, debe enviar un correo electrónico a ataquilla@afundacion.org solicitando a devolución. Se foron mercadas na billeteira da praza de Ourense, debe acudir alí en persoa a solicitar a devolución.